Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

Na natureza

A ría de Ortigueira e Ladrido é un dos humidais máis importantes de Galicia. Destaca asemade a nivel mundial pola súa riqueza faunística e vexetal, así como polas características que a diferencian doutros espazos naturais. Atendendo ás súas condicións, está protexida polo Convenio de Ramsar.

Só existen cinco espazos en Galicia acollidos ao devandito tratado internacional, sendo a ría de Ortigueira e Ladrido o máis extenso de todos eles. Figuran xunto a ela a lagoa e o areal de Valdoviño, o complexo dunar de Corrubedo, a ría de Ribadeo e o complexo intermareal Umia - O Grove.

O tratado de Ramsar, destinado a conservar as zonas húmidas e os seus recursos, foi asinado en 1971 na cidade iraniana que leva o seu mesmo nome. Segundo a definición recollida no seu texto final os humedais son as extensións de marismas, pantano e turbeiras ou superficies cubertas de auga. Estas poden ser de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas. Inclúense as extensións de auga mariña que teñan unha profundidade durante a marea baixa inferior a seis metros.

Os humedais caracterízanse por ter auga en superficie ou no subsolo e presentar unhas condicións de terreo únicas que os diferencian das zonas circundantes. Soportan unha vexetación e fauna axeitadas ás condicións de humidade, que poden ser extremadamente variables.

A ría de Ortigueira e Ladrido está incluída no Rexistro Natural de Espazos Naturais de Galicia dende o 9 de marzo de 1990. Comprende terreos de braña costeira con carácter de esteiro, no que desembocan os ríos Mera e Ladrido. Nesta ría atopamos extensas planicies intermareais de lama e area, amplas marismas e un considerable sistema dunar.

O seu relevo non é excesivamente accidentado, presentando en xeral pendentes suaves e baixas altitudes. Durante o inverno esta zona alberga poboacións de aves acuáticas.

Especies de interese

Contabilízanse no humidal un total de 93 tipos de animais vertebrados, dos que 18 están considerados de importancia internacional. O grupo máis representado corresponde ao das aves. Nesta zona invernan un total de 68 especies migratorias, entre as que se atopan a píllara cincenta -Pluvialis squatarola-, o mazarico curlí -Numenius arquata- ou o pilro curlibico -Calidris alpina-. Durante esta época chegan a contabilizarse entre 5.000 e 11.000 individuos, estando 13 destas especies recollidas no anexo I da Directiva Aves.

Os mamíferos están representados por medio de nove especies, entre as que destaca a lontra -Lutra lutra-, incluída na Lista Vermella da UICN -de especies ameazadas- e nos anexos II e V da Directiva Hábitats.

Tamén están inventariadas nove especies de anfibios. Sete delas están incluídas na lexislación ou nos programas nacionais e internacionais sobre especies ameazadas. Tres destes anfibios son, ademais, propios e exclusivos da Península Ibérica. É o caso da ra ibéica -Rana iberica-, o limpafontes común -Triturus boscai- e do sapo das veigas -Discoglossus galganoi-.

Tanto os réptiles como os peixes teñen unha escasa representación. De todos os xeitos existe unha especie propia e exclusiva da Península en cada un destes grupos. Trátase da víbora de Seoane -Vipera seoanei- e o escalo -Chondrostoma polylepis-, respectivamente.

Localización da Ría de Ortigueira e Ladrido

Superficie: 2.987 hectáreas
Lonxitude -7º 51' 28''
Latitude 43º 41' 03''
Altitude máxima: 100 metros
Altitude mínima: 0 metros
Rexión bioxeográfica atlántica



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA