Como é Ortigueira
A comarca de Ortegal, situada na provincia da Coruña, é a
máis septentrional da península Ibérica. Caracterízase pola beleza e
contraste das súas paisaxes. Así, atopamos na zona vales fértiles e elevadas serras que caen de novo ao mar para formar abruptos cantís ou afundirse suavemente nas praias do contorno.

Vistas dende o castelo do Casón
O Concello de Ortigueira artella a comarca. Un punto de encontro que conxuga montaña, val, río, mar e especilamente ría, a máis ampla de todo o norte de Galicia.
Ortigueira limita cos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, As Somozas, As Pontes e Mañón, todos eles pertencentes á provincia da Coruña.
Xeomorfoloxía
A topografía do Concello é moi
accidentada. As serras da Capelada e Faladoira - Coriscada non presentan cotas de grande altitude. Os seus cumios máis elevados sitúanse a carón do mar, contrastando co contorno da Ría, que ofrece alturas inferiores aos 100 metros.
Deste xeito, podemos atopar no perímetro marítimo
praias de pendentes moi suaves ou abruptos
cantís, onde o vento e o mar esculpen peculiares formas nas rochas.
Hidrografía
Ortigueira presenta un complexo sistema hidrolóxico formado por varios
ríos e multitude de
regatos. Discorren polo municipio o Baleo, Mera, Casón, Maior, Lourido e o Barros, entre outros, para desembocar nas augas da Ría.
Todos eles son de
modesto caudal, curtos e de grande pendente, debido á proximidade do mar e á fisonomía accidentada do terreo.
Clima
O clima de Ortigueira é Oceánico húmido. Predominan as temperaturas
suaves, cunha media anual de 13,1°C, sen acadar extremos significativos.
Os invernos son
chuviosos e húmidos, cunhas precipitacións medias anuais de 1.000 - 1.500 mm. Estas repártense nuns 150 días de choiva ao ano.