De Santa Marta ao Ermo, polas parroquias da montaña
Podemos comezar a rota collendo o ramal que dende Cuíña nos leva ata As Pontes polas parroquias Orteganas do interior: Freires, Devesos, As Neves, Insua e O Ermo.
San Paio dos Freires
San Paio dos Freires está formada por varios lugares, algúns deles situados a carón do
río Maior. Non abrangue moita extensión territorial e é unha das parroquias menos poboadas do Concello.

Igrexa de San Paio
A modesta igrexa parroquial é dunha soa nave. A fachada conta cun adro no que se reunen os fieis, a través do que se accede á porta principal de entrada. Esta é alintelada, con marco de granito labrado. Dentro, o altar maior é de estilo
churrigueresco.
A un lado do templo está o cemiterio e, ao outro, érguese un campanario rematado en torre de espadana. Accédese a el polo exterior da igrexa, subindo unha vella escaleira de caracol. É este o único exemplo de todo o termo municipal no que o campanario está separado da igrexa. O conxunto complétase cun
fermoso cruceiro, as ruínas da reitoral e unhas casas de labranza de paredes de pedra e tellados de lousa en mal estado de conservación.
Devesos
Devesos -coñecida antigamente por
San Sebastián Cuadrilla de Abaixo- é unha parroquia montañosa na que se abren pequenos e profundos
vales. As casas esténdese espalladas aproveitando as poucas zonas aptas para o cultivo.
A
igrexa, ancha e antiga, foi arranxada na primeira metade do
século XX. Ten un espacioso pórtico na fronte, entre o campanario rematado en torre de espadana e a porta principal de entrada ao templo. Conta asemade cun adro no lateral.
Nas montañas das Neves, en montes pelados a causa dos rigores do clima, pacen libres durante todo ano cabalos e vacas bravas. Lindando coa parroquia mañonesa das Grañas do Sor está o
Pico da Faladoira. A máis de 600 metros sobre o nivel do mar, encabeza unha serra na que abundan os túmulos dolménicos.
San Xoán de Insua
San Xoán de Insua é un territorio rodeado de ríos. A poboación atópase moi espallada por esta ampla parroquia, aproveitando calquera lugar óptimo para o cultivo.
A
igrexa, construída en
1787, está pechada por un muro baixo. Dispón dun adro na súa fronte, separado do templo. Este forma un conxunto harmonioso coas ruínas da casa reitoral e un próximo lavadorio con cruceiro acaroado.
O mesmo acontece co fondo do val que cruza a estrada que nos leva ata O Ermo. Ten unha ponte sobre o río Pulgueiras e un
muíño que recolle as augas a través dunha coidada canle.
O Ermo
Por último, o terreo do Ermo é menos crebado que os das anteriores parroquias. A igrexa -moderna- está situada ao lado dereito da estrada que leva de Insua a Senra. Preto dela, en dirección a Quintá, atopamos entre unhas vivendas un fermoso e antigo cruceiro. Ten esculpidas na cruz as imaxes de Cristo e da Virxe.

Igrexa do Ermo.
No próximo lugar de Pereiro está o pequeno
Grupo Escolar, fundado pola Sociedade de Instrución
O Progreso en 1928. Ten un frontón semicircular alzado na fachada principal. Vemos tamén a casa que fora solar da familia fidalga dos Saavedra. Mantén aínda nunha das paredes un brasón labrado en pedra. Segundo conta a tradición existiu ademais neste lugar un convento de monxas.
A parroquia inspirou a
Álvaro Cunqueiro a narración
Gonzalo en el yermo, publicada en 1945.