Os arredores de Santa Marta
Luama e Luía
As parroquias de Luama e Luía están practicamente unidas á vila de Santa Marta. De feito, parte do seu espazo urbanístico atópase en Luama.
Luama era coñecida antigamente polo nome de San Martiño da Lagoa. Conta a tradición que tempo atrás existiu un
pobo asolagado no areal de San Martiño.
Unha estrada -
paseo percorre toda a veciñanza, partindo da fonte do lavadoiro de Curuxeiras e retornando á Vila bordeando a
Ría polo barrio da Penela. Esta rota leva ao asilo, ao Casal de Miñano, o complexo paisaxístico e ecolóxico dos areais de San Martiño e Cabalar, ao piñeiral de Morouzos e aos xuncais de Luama e Luía.
Pazo de Brandariz
Xardíns do Pazo de Brandariz.
Sobre a aba suroeste da península que circunda o paseo atópase o Pazo de Brandariz, dende o que se divisa unha fermosa
panorámica de Santa Marta e a Ría. Dentro do recinto amurallado está a casa solarega, que presenta un
escudo heráldico.
Accédese a ela por unha escalinata de pedra con balaustrada de madeira. Este paso leva tamén á capela, o calabozo, un pozo labrado, un sarcófago que fai de pila e a uns harmoniosos
xardíns deseñados por un francés.
Neles florece unha curiosa laranxeira hermafrodita obxecto de preito no século XVIII. Daquela o bispo de Mondoñedo intentou que os propietarios do pazo a cortaran, ao considerala obscena.
Areais de San Martiño e Cabalar
Volvendo ao paseo de Miñaño chegamos ao
embarcadoiro no que durante séculos atracaron as lanchas que facían a pasaxe da Ría ata Sismundi, no lado occidental. Preto dalí hai unha pequena lagoa de importancia ecolóxica.

Illa de San Vicente
Non existe discontinuidade entre os areais de San Martiño e Cabalar. Trátase de praias amplas, con moitas
dunas e un fermoso piñeiral chamado Morouzos. Fronte ao areal está o banco de area coñecido como A Barra e a
illa de San Vicente, á que se pode chegar a pé con marea baixa. Esta illa de forma oval, que actúa de límite coa ría do Baleo ou Ladrido, acolleu un mosteiro durante a Idade Media.
O conxunto formado polas praias e os xuncais é un dos máis destacados da ría de Ortigueira, atendendo ao seu
interese ecolóxico. Está protexido dende 1989 polo convenio de Ramsar.