O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE REUNIUSE COS REXEDORES DOS MUNICIPIOS AFECTADOS PARA FACER O SEGUEMENTO DA INFRAESTRUCTURA
A Xunta confirma aos alcaldes que o 40% do trazado da VAC Costa Norte estará en obras ou expropiacións este ano
06/07/2010 O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, salientou esta maña en Xove que a Xunta de Galicia está a cumprir con prazos reais, rigorosos e realizables o cronograma das obras da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte. Ante os alcaldes dos concellos polos que atravesa este novo vial, entre eles o de Ortigueira, Rafael Girón, o conselleiro explicou "a folla de ruta" do actual Goberno en relación con esta infraestrutura, xa que a súa planificación tivo que reformularse en función da tramitación desta vía de alta capacidade deixada polo anterior Goberno.
Agustín Hernández, que tamén visitou esta mañá ás obras do treito Celeiro-San Cibrao da VAC da Costa Norte, mantivo unha reunión de traballo cos alcaldes tal e como se comprometera a finais do pasado ano, ao afirmar que cada seis meses celebraríase unha reunión para analizar e dar conta da situación actual e do avance da infraestrutura.
Recordou que a Xunta reservou para o ano 2010 un orzamento de 17,5 millóns de euros para a construción desta obra, que implicará un volume de traballo -directo e indirecto de case 500 persoas, polo que ofrecerá unha saída laboral ás case 900 persoas dos sector da construción, que se atopan en situación de desemprego nos concellos beneficiados directamente da VAP do Norte, segundo os datos relativos ao mes de xuño feitos públicos a semana pasada.
Hernández destacou o esforzo realizado polo equipo que dirixe xa que da totalidade do trazado un total de 24,65 quilómetros atopase na actualidade fase de obra ou expropiación, o que en termos porcentuais representa case o 30 por cento, o que implica un pulo importante ás obras, sobre todo despois de que o Consello aprobara o decreto polo que se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo tramo San Sadurniño-Campo do Hospital. Ao remate de ano esta porcentaxe elevarase ata o 42 por cento.
VAP DA COSTA NORTE
A Vía de Altas Prestacións da Costa Norte une San Sadurniño con San Cibrao e o importe ao que se eleva a materialización deste vial é de 460 millóns de euros. Para levalo a cabo segmentouse o seu trazado en 10 treitos que implican a construción de 85,17 quilómetros de vía de altas prestacións.
O conselleiro explicou aos alcaldes a cronoloxía e fase na que se atopan cada un dos tramos e lembrou que a semana pasada o Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo tramo San Sadurniño-Campo do Hospital, no subtreito San Sadurniño-Sanguiñeira. As obras deste treito iniciaranse no primeiro semestre de 2011.
Cúmprese así o compromiso de ter iniciado o proceso expropiatorio dos primeiros 7 quilómetros do tramo San Sadurniño-Campo do Hospital (1ª fase), asumido na primeira reunión cos alcaldes celebrada en decembro en Ortigueira. Dentro deste ano tamén se iniciará o proceso expropiatorio do tramo Viveiro Sur-Celeiro, polo que en 2010 estará en obras ou en expropiacións 37,11 quilómetros, é dicir, o 43,57% da VAC.
Portada de noticias