Concello de Ortigueira

x

Castro dos Prados


Trátase dun castro costeiro peninsular, de doado acceso, situado sobre o porto de Espasante. O conxunto está moi erosionado polas agresións naturais –especialmente as embestidas do mar-, que provocaron derrubos ao longo da súa superficie.

Ocupa unha punta que se mete no mar e está defendido por cantís agás na zona de unión á terra. Neste punto existen defensas artificiais: dous profundos foxos en U intercalados por dúas altas murallas de pedra e terra. O sistema complétase cun parapeto exterior, actualmente afectado pola erosión.

A superficie habitacional constitúea unha pequena ladeira de suave pendente. Os seus moradores dedicábanse a actividades agrícolas –está rodeado de terras aptas para o cultivo e atopáronse restos de muíños de diferentes tipoloxías-, gandeiras –restos óseos-, á caza –pois alisaban e curtían as peles-, á pesca e ao marisqueo –achádego de utensilios empregados para estas actividades, espiñas de peixe e moitas cunchas-. Tamén prestaban atención á metalurxia –moldes de fundición, crisois, escorias- e ao comercio –fragmentos de cerámica común romana, cerámica fina sigillata, ánfora e un as de bronce imperial-.

O castro contou cunha situación privilexiada. Isto permitiulle acadar un gran desenvolvemento económico, manifestado ademais pola construción dun balneario indíxena, coñecido como Monumento con Forno. Podes coñecer polo miúdo as súas características consultando a ficha da Pedra Formosa