Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

A Emigración

O fenómeno da emigración constitúe un importante episodio na historia da comarca de Ortegal. Este proceso foi determinante cualitativa e cuantitativamente dende a segunda metade do século XIX. Daquela, boa parte dos mellores homes destas terras, os que destacaban no plano físico ou no intelectual, emigraron cara América. As razóns, as mesmas que as de outros galegos: incapacidade para prosperar cos beneficios que daba a terra, a carencia de recursos económicos...

Entre os anos 1861 e 1910 o partido xudicial de Ortigueira ocupaba o quinto lugar no volume de saldo migratorio da provincia. Entre 1900 e 1963 acada o primeiro posto con respecto ao número absoluto de emigrantes da provincia e o terceiro entre os máis de 300 concellos galegos. A cifra, de 10.571 persoas desprazadas, era superada tan só polos municipios da Fonsagrada, en Lugo, e A Estrada, en Pontevedra.

Este fenómeno faise especialmente significativo ao analizar as cifras de poboación do concello de Ortigueira. O seu número de habitantes, por debaixo da media galega, conlevou que a trascendendia destes feitos fora, e siga a ser indiscutible en todos os eidos da convivencia comunitaria.

O sentimento de pertenza á comarca ortegana non se perdeu na viaxe. En América chegaron a rexistrarse un total de 16 microcolectividades –especialmente de ámbito parroquial-. O noso foi o municipio galego cun maior número de entidades fundadas con esta referencia. Entre estas destaca o labor desenvolvido pola colonia de Santa Marta no Centro Galego da Habana. Dende alí, os nosos emigrantes custearon lavadoiros, camiños, cemiterios e mesmo reformas de igrexas para a súa terra de orixe.



© CONCELLO DE ORTIGUEIRA