Concello de Ortigueira

Logotipo Concello de Ortigueira

O Ortegal

O Concello de Ortigueira, cunha superficie de 214,9 quilómetros cadrados e 8.022 habitantes, é o máis grande e poboado da comarca de Ortegal. No seu extenso territorio contrastan as paisaxes costeiras e as do interior, nas que conviven marcadas serras e fértiles vales.

Na parte máis occidental do municipio sitúase a serra da Capelada. Alí, entre fortes pendentes, atopamos alturas como o Concepenido, con 572 metros, ou o o Pico de Moles, con 507 metros. Cara á zona oriental, no límite co concello de Mañón, sitúanse as serras da Faladoira e Coriscada, elevadas máis de 600 metros sobre o nivel do mar.

Un mar que toma protagonismo no centro do concello de Ortigueira, onde se abre a ría que leva o seu mesmo nome. Ésta prolóngase hacia o interior formando unha pequena depresión no val do río Mera, que discorre encaixado formando un límite natural co municipio de Cerdido.

Cara ao sur do Concello poden distinguirse algúns cumios como o Taboada, con 438 metros, ou o Punxás, con 323 metros. En conxunto, conforman unha paisaxe ondulada e desecada pola rede fluvial.

A ría de Ortigueira

A ría de Ortigueira, máis aberta cara ao oeste, está articulada por diversas puntas e enseadas. Na súa desembocadura destacan as acumulacións areosas. Penínsulas que se adentran na auga, esteiros, bancos de area, xunqueiras, lamazais, illas, praias de dunas móbiles e ata esgrevios cantís na súa parte externa conforman unha orixinal fisonomía. Paisaxes vivas, moradas por unha importante fauna en parte aínda descoñecida.

Parroquias

O centro burocrático, administrativo e comercial da comarca do Ortegal está situado na vila de Santa Marta. O territorio municipal divídese en 22 parroquias, que son:

San Xulián de Barbos, San Xulián de Céltigos, San Cristovo de Couzadoiro, San Salvador de Couzadoiro, Santiago de Cuíña, San Sebastián de Devesos, San Xulián do Ermo, San Xoán de Espasante, San Paulo de Freires, San Xoán de Insua, Santa Eulalia de Ladrido, San Xulián de Loiba, Santa María de Luía, San Martiño de Luama, Santiago de Mera, Santa María de Mera, San Xoán de Mosteiro, Santa María das Neves, Santa Marta de Ortigueira, Santa María de San Claudio, San Xulián de Senra e Santo Adrián de Veiga.


© CONCELLO DE ORTIGUEIRA